Amosando publicacións coa etiqueta Descubre as mulleres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Descubre as mulleres. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de outubro de 2024

RAÍCES DA LINGUA

Raíces da lingua quere visibilizar as escritoras galegas que son premios nacionais. Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Pilar Pallarés, Olga Novo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Alba Cid, Marilar Aleixandre, Paula Carballeira, Ana Romaní e Bea Lema.

Algunhas delas mandaron un vídeo para o noso alumnado. Queremos agradecer a Andrea (profe de galego) que nos achegase estas importantes voces da nosa literatura, as nosas voces.

Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019. Moitas grazas por achegarnos este fermoso poema.


Ana Romaní, Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2018. Que marabilla escoitala!!!
Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024 cun poema de Sonora.

Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa  2022 por As malas mulleres.

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 por Escarlatina e a cociñeira defunta. Tantas veces lida no instituto, escoitade con atención a súa mensaxe.

Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023 polo seu libro Materia. Grazas por dedicarlle uns minutos ao noso alumnado neste día.
Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven "Miguel Hernández" (2020) polo seu libro Atlas
Un Día das Escritoras marabilloso, un auténtico luxazo. 
Grazas a todas por compartir os vosos poemas co noso alumnado.

DÍA DAS ESCRITORAS

 O 14 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Un ano máis sumámonos á iniciativa da Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. O tema desta IX edición é "La periferia de la periferia: mujeres que miraron al mundo rural". 

Esperamos que, este luns, na Hora de Ler o profesorado lea algún texto dos seleccionados pola comisaria Ana Iris Simón, que xa están na Aula Virtual.

Tamén recomendamos a lectura de Fisteus era un mundo de Lupe Gómez.

Ademais, desde a Biblioteca promovemos Raíces da lingua para difundir e visibilizar as escritoras galegas que son premios nacionais en narrativa, poesía, teatro, cómic ou xornalismo. 

Diseño de Biblioteca Castro Alobre

xoves, 4 de novembro de 2021

DEFENSORAS DE DEREITOS

A biblioteca volve á súa actividade e hoxe acolleu un obradoiro impartido por Sofía, membro de Agareso e colaboradora coa Coordinadora Galega de ONG. Compartiu co alumnado de 3º ESO D unha lectura, Miriam de Suazo y la digna rabia, e convidou á reflexionar sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres (ou diferentes colectivos) que sofren discriminación, cuestións actuais e moi interesantes. Tamén puxo o obxectivo sobre un país, Honduras, do que, coma moitos, non se fala a cotío e, cando se fai, é para destacar aspectos negativos. Como explicou a rapazada, asocian Honduras a "asasinatos, pobreza, machismo, violacións, corrupción". 

Comentouse o impacto das catástrofes naturais en países menos desenvolvidos, nos que é máis complicada a reconstrución das perdas e as axudas pola pobreza e falta de recursos. Defendeu, Sofía, a utilización de termos como Norte global e Sur global en lugar de países do primeiro ou terceiro mundo, máis utilizados polo alumnado.

Reflexionaron, a continuación, sobre os sentimentos que se podían experimentar polas "desaparicións" de persoas en Honduras e en outros países que sofriron ditaduras, e falouse das migracións e de como se tratan nos medios de comunicación con esas "oleadas masivas" que chegan a España e, como comentou Sofía, deshumanizan estas situacións.

Outras cuestións que se trataron a medida que iamos avanzando na lectura do libro foron as poboacións indíxenas, as diferentes discriminacións ou o significado do termo sororidade.

O alumnado, timidamente, foi reflexionando sobre os puntos que Sofía lle ía salientando e, aínda que non se atreveron a un grande debate, foron aportando algunha opinión.

As conclusións ás que chegaron ao final do obradoiro foron que se debía tratar a todas as persoas por igual; que, se a xente se une, pódese chegar máis lonxe; que hai que loitar polos soños e que Honduras é un país que atravesa unha mala situación.

Por último, pensan que o obradoiro serve para concianciar ao alumnado sobre temas importantes na nosa vida.

Grazas, Sofía, por achegarlle a Miriam de Suazo a través da lectura e por facerlles chegar un pouquiño máis alá. Seguro que nas súas cabezas levaron ideas para reflexionar.

martes, 9 de marzo de 2021

MULLERES NO DEPORTE: KATHERINE SWITZER

O alumnado do IES Castro Alobre correu, esta mañá, pola igualdade. A proposta do departamento de Educación Física, os alumnos e alumnas (e tamén o profesorado) participou nunha carreira simbólica en homenaxe a esta muller pola súa achega á igualdade de xénero no deporte e empoderamento da muller.

Katherine Switzer foi a primeira muller en correr un maratón, de maneira oficial, en Boston, no ano 1967, aínda que estaba prohibido para as mulleres. Utilizou o dorsal 261, o mesmo número co que se correu no instituto.


xoves, 11 de febreiro de 2021

#NoMoreMatildas

    O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e, por iso, hoxe, queremos dar a coñecer #NoMoreMatildas, unha iniciativa da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas que pretende visibilizar a mulleres científicas que servan de referentes para as nenas e adolescentes. 

    Foi a historiadora científica, Margaret W. Rossiter quen, co nome de efecto Matilda, quixo poñer de relevo o feito de que o traballo das mulleres científicas fose menos valorado que o dos seus compañeiros. Este nome, Matilda, fai referencia a Matilda J. Gage, activista que reivindicou o papel das mulleres na ciencia.

    Parécenos interesante amosar o material que inclúe esta iniciativa na súa web, porque pode ser útil para as nosas clases. Ademais deste vídeo, atoparedes o manifesto, a proposta dun anexo para os libros de texto (descarga gratuita) e contos ilustrados nos que imaxinan como tería sido a vida de científicos como Einstein, Fleming ou Schrodinger de ter nacido mulleres (descarga gratuita).

 Podedes consultar toda a información nesta ligazón https://www.nomorematildas.com/.

mércores, 3 de febreiro de 2021

A TRAVÉS DO ESPELLO

    Convocamos un novo concurso e relacionámolo co Día da Muller Traballadora, para visibilizar a mulleres das artes, das ciencias e, tamén, a personaxes femininos de libros, cómics, cine, cadros... 

    Se vos gusta a fotografía e queredes amosarnos a esas mulleres que podedes imitar, participade!

    Haberá 5 premios. Máis info, no vídeo.



domingo, 18 de outubro de 2020

A LOITA COTIÁ DAS MULLERES POR ESTAREN AÍ

O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Como en anos anteriores sumámonos á iniciativa da Biblioteca Nacional de España, que organiza en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. O seu obxectivo é "reivindicar la labor y el legado de las escritoras a lo largo de la historia".

Este ano a comisaria Elvira Lindo selecciona textos que nos van falar do esforzo cotiá das mulleres. Intentaremos transmitir ao noso alumnado os pensamentos e sentimentos destas escritoras. 

Ademais, este ano, temos unha colaboración moi especial para conmemorar este día. Queremos agradecer ao profesorado do Departamento de Galego do noso centro a escolla de textos de escritoras en lingua galega e portuguesa, para achegarllos ao noso alumnado. Unha Hora de Ler interesante e variada.

Escritoras en lingua galega👉https://www.canva.com/design/DAEKVd_vsaE/jvpgTY4-N83xZQK2-eXBDA/view?presentation

Escritoras en lingua portuguesa 👉 https://www.canva.com/design/DAEKB94M3qY/ViiBKGoRENfalMUZLIl7YA/view?presentation#5

martes, 11 de febreiro de 2020

MULLERES CIENTÍFICAS

O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Por iso, queremos destacar a mulleres relevantes neste ámbito.


E esta é a nosa selección de lecturas para dalas a coñecer.


luns, 14 de outubro de 2019

IV DÍA DAS ESCRITORAS

Hoxe os Sentimentos de muller pousáronse nas aulas para falar de amor e liberdade. Así o vivimos nalgunhas clases. 

                         


                         
                  


martes, 8 de outubro de 2019

SENTIMENTOS DE MULLER

O luns 14 de outubro conmemórase o IV Día das Escritoras organizado pola Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas (CyM). O tema escollido este ano é "Mulleres, amor e liberdade". En palabras da comisaria desta edición, Clara Sanchís "Un territorio amplio, complejo y contradictorio, laberíntico, atravesado por luces y sombras, grandes pasiones, pero también desdichas". 

Por segundo ano a Biblioteca súmase a esta iniciativa e con Sentimentos de muller: o amor e a liberdade pretende achegar ao alumnado textos das autoras seleccionadas: Teresa de Jesús, Feliciana Enríquez de Guzmán, Ana Caro de Mallén, sor Juana Inés de la Cruz, Isabel María Morón, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Carmen de Burgos, Robustiana Mujika Egaña, Alfonsina Storni, Dulce María Loynaz, Anna Murià, Ernestina de Champourcín, Carmen Laforet, Maruxa Orxales, Alejandra Pizarnik, Esther Tusquets, Montserrat Roig e Dulce Chacón.

A proposta é a lectura dos textos enviados pola Biblioteca Nacional na Hora de Ler ou en calquera das clases dese día. Unha boa oportunidade para coñecer a estas autoras e as distintas ópticas coas que abranguen este tema.

Sumádevos ao Día das Escritoras!
#DíadelasEscritoras


sábado, 23 de marzo de 2019

UN PECHE DE OURO


Debo aclarar que isto e só unha opinión.

Mercedes Peón é magnífica. Chegou e falounos da súa vida (da súa moi particular visión da vida), da música, da política, da vontade de ser unha mesma, un mesmo, un mesme (ela mesma defínise como interxénero).  Sen imposturas, sen divismos, sen falsas humildades.

Escoitala é sempre unha oportunidade de aprender e creo que aprendimos, eu si. A biblioteca quedouse pequena. Prometeu volver ao noso centro, esperaremos.
Un final intenso para unha semana da muller intensa.

 Un privilexio.
Grazas, Mercedes.

Paloma García

   






xoves, 14 de marzo de 2019

TANIA BALLÓ, LAS SINSOMBRERO

A directora de cine, "produtora de ideas" e escritora, Tania Balló, descubriunos hoxe a Las Sinsombrero. Un cartel de luxo para un alumnado de 4º ESO e 2º de bacharelato que, unha vez máis, tivo un comportamento excelente.

Tania presentounos, a través do proxecto transmedia, ás mulleres que por dereito propio debían estar incluídas na Xeración do 27, pero foron esquecidas polos seus compañeiros e amigos deste grupo e, tamén, foron excluídas dos libros de texto. Pediu ao alumnado "una actitud crítica para combatir solo la visión masculina de la Generación del 27".


Comezou a charla facendo referencia ás palabras de Maruja Mallo, que contan o coñecido episodio de quitarse o sombreiro na Porta do Sol en Madrid e que foron a súa inspiración para poñerlle nome a este grupo de mulleres. Falounos, entre outras, de Margarita Manso, Maruja Mallo, María Teresa de León, Concha Méndez, Rosa Chacel e Ernestina de Champourcín. Mulleres "muy modernas para la época" e "ninguneadas por sus propios compañeros" nas poucas ocasións nas que falaron delas. Lembra que viviron os períodos históricos máis importantes do século XX (a ditadura de Primo de Rivera, a Segunda República, a ditadura franquista, a transición e a democracia) e que, nalgúns casos,  (tamén eles) se ven obrigadas a exiliarse durante o franquismo. Momentos duros de tristeza e soidade.


O obxectivo de Tania Balló con este proxecto é que o seu traballo axude a descubrir a estas mulleres, que o alumnado as reivindique nas distintas materias. Todas elas foron mulleres que crearon obras importantes, que expuxeron e publicaron.

Ao final, houbo un tempo para preguntas que se quedou curto, "Es la primera vez que veo tantas manos levantadas", dixo. O alumnado interesouse por cuestións como se ía seguir investigando sobre mulleres desta xeración (haberá un terceiro libro, pero será o último), se gañaban o suficiente diñeiro para vivir, se pensaba estender o estudo a mulleres científicas, se se considera o punto de partida en dar a coñecer a estas mulleeres ou cal é a súa Sinsombrero preferida. A resposta a esta última pregunta, despois de pensalo, foi María Zambrano.


Queremos agradecer a Tania Balló a súa presenza no noso instituto por achegarnos a estas mulleres marabillosas, necesarias e imprescindibles. Compartimos con ela o seu anhelo por desexar vivir nunha sociedade na que non tivese que reivindicarse como muller. 



E, para rematar, recomendar a lectura dos seus libros, porque realmente son unha fonte de información estupenda para comprender este momento histórico tamén con elas; e compartir as palabras de Tania Balló "Las Sinsombrero son todas las mujeres que lucharon por ser ellas mismas".



mércores, 13 de marzo de 2019

LAS SINSOMBRERO

Mañá ás 12,15 horas Tania Balló achegará ao alumnado ás Sinsombrero. Unha conferencia, dirixida ao alumnado de 4º ESO e de 2º de bacharelato que promete ser do máis interesante.


martes, 12 de marzo de 2019

DE MAIOR QUERO SER..

Hoxe foi o alumnado de 3º ESO o que puido escoitar ás nosas convidadas nun faladoiro cunha moderadora de excepción, Montse Fajardo. Ex-alumna do IES Castro Alobre, xornalista, escritora e feminista foi plantexando preguntas que nos permitiron coñecer as dificultades que se atopan algunhas mulleres en profesións tradicionalmente masculinas. Tratáronse temas como os seus inicios nese mundo de homes, o reparto igualitario das tarefas nos seus fogares, se a crise económica penaliza especialmente ás mulleres, se lles custou máis, que se fosen homes, chegar a onde están ou se hai diferenza salarial.


María José Vales, patroa maior da confraría de pescadores de Vilanova de Arousa (a única da Ría de Arousa e unha das seis patroas maiores de Galicia), contounos o seu esforzo por ser aceptada nun sector moi machista, no que as mulleres eran consideradas "o último eslabón do mar". Frases como "A ver en que mans caímos" ou "Marcha para a casa a facer a cama" eran habituais cando foi elixida por primeira vez. Conta orgullosa que, aínda que todavía hai machismo no mar, grazas ao seu traballo conseguiu o respecto de moitos homes o que lle permitiu obter, neste segundo mandato, 24 votos de 24. Todo un éxito!

Eva Duarte, condutora de autobús desde hai 20 anos e actualmente traballadora da empresa Monbus, conta que a súa foi unha loita de aceptación e aconsella ao alumnado e, especialmente, ás mozas "Loitade polo que queredes. Se loitades, o ides conseguir sempre". Eva, rostro da campaña do concello de Sanxenxo en prol da igualdade séntese moi respectada na empresa na que traballa, sendo o seu soldo o mesmo que o dos homes. 

Pilar Montaña, actualmente directora do Centro de Formación Ocupacional Saiar, achegounos a súa experiencia como empregada, hai anos, dunha oficina de emprego. Alí percibiu como as mulleres tiñan máis trabas á hora de acceder a un posto laboral, porque tiñan que ocuparse da familia. Tivo a sorte de non atopar ningunha actitude machista no seu traballo.

Para rematar, o alumnado fixo algunha pregunta como que se sente cando se utilizan termos como "feminazi" ou que idade teñen os homes que utilizan eses termos. A resposta foi contundente. Só un "machinazi" podía empregar esas palabras. Rematou Montse Fajardo dicindo que é tremendamente perverso utilizar ese termo, porque compara o movemento feminista cun sistema fascista que aniquilaba a sectores minoritarios.

Agradecemos a asistencia das convidadas e todo o que nos aportaron, a vida mesma,  o mellor ensino para o noso alumnado que, unha vez máis, se comportou de xeito admirable.

Montse, Eva, Pilar e María José deixáronos a súa adicatoria no libro de sinaturas da biblioteca. 


luns, 11 de marzo de 2019

AS GRANDES ESQUECIDAS

Iniciamos a semana adicada á muller con As grandes esquecidas. Chegaron as tres mulleres participantes na mesa redonda dispostas a dar a súa visión sobre o papel das mulleres nas súas profesións e, tamén, para recordar ás esquecidas, aquelas mulleres que no seu momento non tiveron o recoñecemento debido e, incluso, se enfrontaron a problemas para poder estudar, sendo obxecto de discriminación por parte dos homes.



Primeiro, unha intervención en solitario. 
Eva Cabanelas, licenciada en veterinaria, fixo un percorrido desde as pioneiras ata a actualidade, comentando como cambiou a situación das mulleres nos últimos tempos. De ser considerada unha carreira masculina, “A veterinaria non é para mulleres”, pasou a feminizarse contándose xa cun 60% de mulleres na investigación; iso si, con menos proxección mediática que os homes. Rematou Eva con dous magníficos monólogos científicos: un adicado ao doutoramento e o outro aos gandeiros, que nos fixeron sorrir.


Isabel Rei, profesora de guitarra no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e investigadora, tamén deu a coñecer guitarristas esquecidas, entre elas Rosalía de Castro, e deleitou ao alumnado asistente coa súa música.



Mentres María Canosa, enxeñeira, escritora e presentadora da TVG, visitaba a exposición TraballadorAs, con fotografías realizadas polo alumnado,  inauguraba a sala de titoría co seu nome e aproveitaba para asinarnos o seu último libro, Muriel.









Despois dun descanso, Paloma, a profe de música, moderou unha charla ben interesante, pero moi curta. As nosas convidadas tiñan moito que dicir e transmitir en prol da igualdade. Destacamos o nome das grandes esquecidas que elas quixeron “rescatar”: María Cerrato Rodríguez (1897-1981), Justina González Morilla (1903-1997) ou Luz Zalduegui Gabilondo (1914-2003) son tres pioneiras no mundo da veterinaria destacadas por Eva Cabanelas. Henrietta Leavitt e Olimpia Valencia son as destacadas por María Canosa e Isabel Rei lembrounos os nomes de Christine de Pizan, como precursora do feminismo, ou de guitarristas como Rosalía de Castro e Avelina Valladares.
Queremos agradecer a todas elas a súa boa disposición para asistir a este acto e a Paloma a súa colaboración e implicación. Por suposto, non esquecemos ao alumnado que, unha vez máis, fixo gala do seu saber estar. Parabéns!



Xa ao remate, Eva Cabanelas agasallounos con dous libros escritos por ela para a nosa biblioteca e, por suposto, deixou a súa pegada no libro de sinaturas da biblioteca.



Eva Cabanelas


     
María Canosa


Isabel Rei