mércores, 29 de abril de 2020

CONTRIBUÍNDO Á EDUCACIÓN

Despois de tantos días con malas novas, recibimos unha noticia esperanzadora. Recordaredes que o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado todo un experto no tema, Chema Caballero, estivo no noso instituto para dar a coñecer a situación dos nenos e nenas soldado. Todo un privilexio. Pois ben, recibimos un correo da ONG DYES (Desarrollo y Educación Solidaria), http://ongdyes.es/,  coa boa nova de que grazas á aportación da biblioteca (entre outras) por mor da charla anteriormente citada, tres xóvenes de Serra Leoa se puideron graduar na universidade.

É todo un orgullo para a nosa biblioteca seguir colaborando con proxectos solidarios.

Timothy S. Conteh

Samuel Samura

Daniel Kadalie Kamara

xoves, 23 de abril de 2020

UN DÍA DO LIBRO DIFERENTE

A nosa vida está medio parada ou, polo menos, separada desa mocidade lectora e da que non o é tanto, porque xa sabemos que, por moito que nos empeñemos, a moito do noso alumnado lle custa ler. 

Certamente, este blog sufriu un parón importante. Deixou de ter vida desde o momento no que nos tivemos que quedar na casa. Podiamos empeñarnos en recomendar libros ou podiamos involucrarnos nesa febre momentánea que non paraba de mandar ligazóns e ligazóns a todas partes como senón tivésemos unha preocupación maior. 

O noso alumnado podía ler libros gratuitos en diversas plataformas, podía visitar museos virtuais, podía participar nun feixe de concursos que lle podiamos presentar, podía, podía..., podía facer de todo e máis se houbese. O problema é que nos esqueciamos do máis importante. Como estaban esos mozos e mozas? Realmente a maioría estaba pensando en consumir toda esa oferta que se lle facía desde mil e unha bibliotecas e outros espazos? Preguntado como estaba un pequeno grupo do que teño o orgullo de ser profesora, a resposta foi unánime. Estes eran os seus sentimentos:

    tristura                                 agobio                             estrés                            enfado                             desánimo                            aburrimento                   ansiedade                     desesperación

Son amante dos libros, son amante das bibliotecas, pero os meus esforzos tiñan moi claro o seu destino, tratar de manterme en contacto con esta xuventude, intentar que me falasen. Desexo nada fácil. Non vía e non vexo as súas caras e temo, nalgún momento, a súa desconexión. Non son lectores nin lectoras, non lles gusta ler. Formaban parte dun Club de Lectura Inclusiva, un grupo marabilloso de xente reunida entorno a un libro. Estaban aí, porque eu os acompañaba e os guiaba Pero agora, que lecturas lles vou ofertar se necesitan acompañamento, se necesitan forzas para seguir adiante? Non teño a resposta pero, mentras isto ocorre en moitos hogares da nosa vila, hoxe, 23 de abril, celébrase o Día do Libro. A vida segue e seguimos pensando o mesmo, os libros son uns bos compañeiros de viaxe pero, para iso, tenos que gustar ler.

Este é o seu traballo.
Guadalupe Vilar, coordinadora da biblioteca

l

É como é o Día do Libro,este é o díptico para conmemoralo.



E un vídeo da biblioteca pública Almodi da Rede de Bibliotecas Municipais de Llíria (Valencia) que recibiu o premio "Biblioteca pública y compromiso social" (2019) polo seu proxecto "Biblioteca fácil", todo un exemplo a seguir.


Por último, unha viaxe polas 11 bibliotecas máis impresionantes do mundo. Deixamos para outro día as recomendacións lectoras. Supoño que saberedes comprendelo. Moitas grazas aos lectores e lectoras deste blog por acompañarnos nestes tempos difíciles e noutros mellores que, sen dúbida, virán.