venres, 29 de novembro de 2024

SOLIDARIEDADE CON PALESTINA

 No Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino o Equipo de Correspondentes do noso centro, dirixido pola profe Marisa, quixo darlle voz a algunhas historias de crianzas, mulleres e homes de Gaza asasinados no último ano. Estas historias forman parte da exposición que podedes ver no instituto xusto á entrada. É esta unha iniciativa da Asamblea da UVigo con Palestina que contou co apoio de Dina T., unha moza palestina que logrou fuxir de Gaza.

Na Biblioteca podedes ler estas historias recollidas nun dossier.

Tamén podedes ler Palestina de Joe Sacco e dous libros agasallo do seu escritor, Anan Abdalah que, por certo, estará na biblioteca o 19 de decembro nun encontro co alumnado de Historia de 1º de bacharelato.

luns, 25 de novembro de 2024

LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

 

Que a violencia cambie de bando de Biblioteca Castro Alobre

QUE A VIOLENCIA CAMBIE DE BANDO

Que a violencia cambie de bando
é o lema escollido este ano para recordar ás mulleres vítimas da violencia machista. A Bibliteca sumouse a esta iniciativa recomendando libros nos seus expositores e en boletíns. Tamén colaborou coa Dinamización de igualdade na adquisición de chapas e aportando os premios para o concurso convocado.

AS MULLERES, VÍTIMAS DA GUERRA

 O alumnado de Cultura clásica de 4º ESO e o de Grego de 1º de bacharelato fixeron uns marabillosos murais para visibilizar a violencia machista na mitoloxía.

As mulleres, vítimas da guerra reflicte a situación das mulleres na Guerra de Troia, convidando á lectura da Ilíada e da Odisea desde unha perspectiva diferente, a de elas.
Por que sempre elas? reflexiona sobre o papel da muller na mitoloxía: sacrificios, violencia vicaria, abandono ou agresións sexuais son tipos de violencia sofridos por Ifixenia, Medusa, Rea, Xea, Perséfone ou Ariadna.

ILLAS PEREGRINAS

Xa temos a recompilación das Illas peregrinas. Esta é unha selección da aportación do alumnado de 1º ESO ao Proxecto Documental Integrado deste curso. Despois da formación como usuarios e usuarias tiñan que buscar libros relacionados con illas e debuxar algunhas das que lle propoñíamos. Tamén tiñan que inventar un título. Este foi o resultado.

venres, 22 de novembro de 2024

O MAGOSTO

 Nova xuntanza do Club "E ti que contas?". Desprazámonos á biblioteca do cole. Esta vez tocounos ler sobre o magosto, esa festa tan arraigada entre nós. Despois de ler e falar de castañas, castiñeiros e soutos, pintamos e coloreamos estes froitos para facer un mural. Encántanos pintar!!

Ademais, tiñan preparada unha sorpresa. Agasalláronnos cun doce de castañas feito polos compañeiros e compañeiras. Estaba riquísimo! Tamén nos explicaron con fotos como elaboraran esta tarta. Seguro que alguén se animará a facela na súa casa.

Como sempre, unha reunión moi agradable. 

LE CIENCIA EN GALEGO

 Cada vez son máis as lecturas científicas que forman parte da nosa biblioteca. Como sabedes, novembro é o mes da ciencia en galego e, por iso, podedes ver moitos libros expostos desta temática. Tamén queremos contribuír a dar a coñecer os Obxectivos do Desenvolvenmento Sostible (ODS). 

Elaboramos un boletín informativo con lecturas divulgativas sobre o cambio climático, a contaminación dos mares polos plásticos, a degradación do solo.. E tamén algunhas solucións e medidas que podemos tomar nas nosas casas. Este é un exemplo dalgúns libros que podedes atopar, pero hai moitos máis!!

Agardámoste cos libros abertos!

le ciencia de Biblioteca Castro Alobre

luns, 18 de novembro de 2024

A NOITE DA LOBISMULLER

 Parabéns ao alumnado do agrupamento de Lingua galega por este vídeo "A noite da Lobismuller". Gañaron o premio do concurso de terro!!!!👏👏👏

venres, 8 de novembro de 2024

LADYDI

 Tamén se reuniu o Club de 3º, 4º e 1º de bacharelato. Lerán Ladydi de Jennifer Clement, unha obra sobre a que haberá un debate moi enriquecedor.

Máis info nesta ligazón https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/11/ladydi.html

mércores, 6 de novembro de 2024

O MISTERIO DE PORTOMARÍN

O misterio de Portomarín de Antía Yáñez é a lectura escollida para este mes de novembro. Ademais, o alumnado de 1º e 2º da ESO compartirá esta experiencia lectora co IES Chano Piñeiro de Forcarei. 

Máis info nesta ligazón do blog do Club de lectura:

https://clubdelecturacuruxaina.blogspot.com/2024/11/o-misterio-de-portomarin.html

ORQUESTA

Orquesta de Miqui Otero foi a lectura coa que iniciamos as xuntanzas do Club do profesorado. Recordos de tempos pasados que algunhas das asistentes viviron acompañados coa música das verbenas.

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Nada mellor que festexar o Día das Bibliotecas que convidando ao alumnado á nosa. Así que decidimos facer a formación de usuarios e usuarias de 1º ESO. O equipo de biblioteca informou das normas, dos préstamos e, sobre todo, promocionamos as lecturas que lle poderían gustar. Ademais, falamos dos concursos e actividades. Finalmente, centrámonos no PDI deste curso "Illas peregrinas", tema que está a desenvolver o Erasmus+. O alumnado debía debuxar unha das illas que lle propoñiamos e inventar o título dun libro relacionado con este tema.