Unha lanza a favor de Di Caprio!
Unha vez máis González Iñárritu consegue abraiar no mesmo grao a espectadores e crítica. Coa súa nova película, The Revenant, non só volveu convencer, senón que tamén ten acadado xa varios premios nas categorías importantes nos Bafta británicos e nos Golden Globe Awards americanos, ademais de obter 12 nominacións aos Oscar, cos cales o director xa foi recoñecido na edición anterior por Birdman (que conseguiu o galardón a mellor película e mellor director).
The Revenant ten todos os elementos das superproducións: unhas imaxes espectaculares rodadas nunha natureza salvaxe e, en moitas ocasións, tremendamente hostil; un argumento moi completo, cargado de angustia e superación e que, a pesares de non sorprender (porque o título xa non o permite), suscita o interese dos espectadores e espectadoras desde o primeiro minuto e o mantén até o final; un reparto excepcional, coas magníficas interpretacións de Leonardo Di Caprio e Tom Hardy e unha coidadosa selección de vestiario e maquillaxe. A estes ingredientes hai que sumarlle o peculiar enfoque de Iñárritu, quen converteu en propia unha trama extraída dunha novela baseada nunha historia real. Así, volve atrapar cos seus característicos xogos de perspectivas e coa capacidade de mergullir ao público na percepción do protagonista a través dos planos da cámara, que mesmo era salpicada polo seu sangue ou empañada polo seu bafo nos momentos máis intensos.
É Iñárritu capaz incluso de conseguir dos seus actores e actrices a mellor interpretación. Quen podería imaxinar hai uns anos que Michael Keaton, cunha traxectoria pouco significativa para a crítica, acadase unha nominación ao papel protagonista nos Oscar pola súa interpretación en Birdman? É, por tanto, esperable e desexable que un actor como Di Caprio, xa nominado en catro ocasións anteriores e cunha traxectoria brillante, consiga, por fin, tan cobizado premio.
Finalizamos esta crónica cinematográfica, por unha parte, coa recomendación do visionado do filme (iso si, non apto para persoas demasiado aprensivas pola rudeza das súas escenas), e, por outra parte, cunha lanza a favor de Leonardo Di Caprio, non só en nome de quen asina esta reseña, senón de toda a clase de 2º de Bacharelato C, amantes do cine de calidade.
Mariola Rodríguez González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario