domingo, 22 de decembro de 2024
ALBERTO AMARO
OJOS DE PALESTINA
Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Biblioteca organizou un encontro con Anan Abdalah, palestino afincado en Vilagarcía desde hai anos. Anan fixo un percorrido histórico para que o alumnado de 1º de bacharelato puidese comprender o conflito actual entre Israel e Palestina e achegoulles a realidade que vive na actualidade o pobo palestino.
Queremos agradecer a Anan a súa boa disposición cando lle propuxemos este encontro. Ademais, agasallou á biblioteca co seu libro Ojos de Palestina, unha boa lectura.
LECTURA COMPARTIDA
Xuntanza do Club para compartir por videoconferencia O misterio de Portomarín co alumnado do IES Chano Piñeiro.
mércores, 18 de decembro de 2024
ADEUS VISTA DOS MEUS OLLOS
Para conmemorar o Día Internacional das Persoas Migrantes, o Equipo de Correspondentes organiza no espazo Xove de Vilagarcía unha serie de actividades para festexar a riqueza cultural e lingüística que cada día está máis presente na sociedade e, tamén, na escola. Desenvolveranse obradoiros de banda deseñada e baile.
Para finalizar a xornada, presentarase a primeira parte do documental "Adeus vista dos meus ollos", protagonizado por alumnos e alumnas do noso centro e dirixido pola profesora Marisa Moreda. Este traballo nace co obxectivo de dar voz e visibilizar as historias e vivencias das crianzas que migran, que traen nas súas retinas esa viaxe que un día tan ben retratou Rosalía, eses "adeus" ás amigas, familiares, profesoras... eses "non sei cando nos veremos" que as manteñen coa ilusión de voltar.
Non podemos máis que admirar este grande traballo realizado por Marisa e felicitar a ese alumnado que tan ben acolleu a iniciativa e nos contou esas vivencias tan íntimas. Despois de ver o documental, seguro que reflexionaremos e comprenderemos moito mellor que urxe traballar por unha integración plena. Valoraremos tamén a importancia do acollemento na escola, no instituto, como lugar para fomentar a igualdade e facer amizade.
De novo, parabéns!!!
luns, 16 de decembro de 2024
MEMORIA DO SILENCIO
Foi un pracer escoitar como foi construíndo esta historia e como foi perfilando os personaxes. Tamén nos explicou as distintas voces narrativas e a súa importancia na perspectiva que lle quería dar ao relato.
Uns momentos literarios que aportaron unha visión diferente do nazismo e, sobre todo, moi descoñecida para o alumnado.
LA CARTERA
La cartera de Francesca Gianone foi o teme de conversa desta xuntanza do Club, En xeral, gustou pero esperabamos máis desta lectura con tan boas críticas.
mércores, 11 de decembro de 2024
QUILOS DE ORGULLO
"Quilos de orgullo" é unha iniciativa do equipo de Correspondentes do Castro Alobre. O obxectivo é recoller quilos de alimentos ou produtos de hixiene desde o orgullo de axudar e de promover a cooperación social e a solidariedade entre o alumnado.
A recollida será durante os días 16, 17 e 18. Podedes depositar as vosas doazóns na entrada do instituto. O destino será o Banco de Alimentos.
O Equipo de Correspondentes vos convida a participar y a encher o Castro Alobre de orgullo.
Como sempre, agradecemos á profe Marisa a implicación en actividades tan importantes como esta. Sempre fomentando a solidariedade e o respecto.
Tamén, parabéns a o alumnado Correspondente por esta iniciativa.
luns, 9 de decembro de 2024
ESCRIBINDO CARTAS
A correspondencia na I Guerra Mundial é un proxecto do departamento de Xeografía e Historia que estes días se expón no espazo da Biblioteca no primeiro andar.
Estas cartas foron escritas polo alumnado de 4º ESO do curso pasado (2023-2024). Un proxecto moi interesante do que seguro aprenderon moito.
Nun momento, no que a comunicación é inmediata, esquecémonos deses tempos nos que ter noticias de alguén querido era un proceso moi lento, que provocaba angustia en situacións difíciles como as guerras.