mércores, 18 de decembro de 2024

ADEUS VISTA DOS MEUS OLLOS

Para conmemorar o Día Internacional das Persoas Migrantes, o Equipo de Correspondentes organiza no espazo Xove de Vilagarcía unha serie de actividades para festexar a riqueza cultural e lingüística que cada día está máis presente na sociedade e, tamén, na escola.   Desenvolveranse obradoiros de banda deseñada e baile.


Para finalizar a xornada, presentarase a primeira parte do documental "Adeus vista dos meus ollos", protagonizado por alumnos e alumnas do noso centro e dirixido pola profesora Marisa Moreda. Este traballo nace co obxectivo de dar voz e visibilizar as historias e vivencias das crianzas que migran, que traen nas súas retinas esa viaxe que un día tan ben retratou Rosalía, eses "adeus" ás amigas, familiares, profesoras... eses "non sei cando nos veremos" que as manteñen coa ilusión de voltar.

Non podemos máis que admirar este grande traballo realizado por Marisa e felicitar a ese alumnado que tan ben acolleu a iniciativa e nos contou esas vivencias tan íntimas. Despois de ver o documental, seguro que reflexionaremos e comprenderemos moito mellor que urxe traballar por unha integración plena. Valoraremos tamén a importancia do acollemento na escola, no instituto, como lugar para fomentar a igualdade e facer amizade. 

De novo, parabéns!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario