xoves, 28 de maio de 2026

Con Pancho Lapeña

 Hoxe tivemos unha xuntanza moi especial no Club de lectura. Pancho Lapeña, profesor de Filosofía, escritor, deseñador gráfico e, sobre todo, un gran amante dos paxaros, falounos de como publicar un libro e de como deseñar unha capa. Foi unha charla moi interesante e esperamos que haxa unha segunda parte.

Os Sneetches

 Na xuntanza deste mes do Club E ti que contas? lemos Os Sneetches, unha historia tradicional inglesa cuns gansos moi divertidos. Aprenddemos que o importante non é que sexamos todos iguais, porque a diferenza nos fai persoas únicas. Esta vez tocounos ler na biblioteca do Colexio de Educación Especial.


martes, 26 de maio de 2026

HEROES GREGOS

 O alumnado de Grego de 1º de bacharelato elaborou unhas preguntas sobre Hércules e Aquiles para unha actividade da biblioteca escolar pensada para 1º ESO. O alumnado debía buscar na sección de Mitoloxía (CDU 29) os libros seleccionados na bibliografía e atopar a información que se lles pedía.

Esta actividade tamén quería amosar esta atractiva sección ao alumnado.

Os heroes da mitoloxía grega 

luns, 25 de maio de 2026

I'M OBÉLIX

 Antón, Joel, Manuel e Dani déronlle vida neste podcast aos personaxes de I'm Obélix de Raquel Fernández.

martes, 19 de maio de 2026

DIARIO CULTURAL

 O luns celebramos o Día das Letras Galegas con actividades variadas nas que participou o alumnado dos diferentes cursos. Organizado por Normalización Lingüística, unha olimpiada cultural sobre Begoña Caamaño puxo a proba os coñecementos que sobre esta escritora tiñan alumnas e alumnos.

Un grupiño de estudantes de 2º ESO interpretou a obra de teatro "Asamblea xeral". Despois, o Diario cultural con Xián Pais achegou as inquietudes musicais deste rapero de Muros á rapazada de 3º, 4º ESO e de bacharelato. Esta entrevista gravouse para a radio escolar. Para iso, tivemos que trasladar a radio ao Salón de actos que, momentáneamente, se convertiu nun estudo de gravación.

    

luns, 18 de maio de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

Este ano as Letras Galegas están adicadas a Begoña Caamaño. Podedes atopar na nosa biblioteca os dous libros que escribiu, moi recomendables para o alumnado de Bacharelato, e tamén biografías que nos dan a coñecer a súa vida como grande lectora e muller feminista e moi comprometida.
No ano 2015, cando as súas amizades publicaron o Libro das amigas, Sira Vidal, profesora do departamento de Lingua e Literatura galega do noso instituto, publicou neste blog as súas impresións sobre este libro que, por suposto, recomendaba. Cito as súas palabras "Nótase que o libro está feito desde o corazón, desde a dor, máis tamén desde o amor máis profundo. Poemas, cartas, desafogos... palabras para lembrar a amiga, a escritora, a muller comprometida coa liberdade, coa xustiza, co feminismo".
Recomendo a lectura da reseña deste libro. Clicar aquí.

MAPA DA ESTRÍA

 Mapa da estría é o libro de Andrea Nunes Brións que vén de recibir o Premio Follas Novas ao libro de poesía. Queremos felicitar a Andrea por este premio. Ela foi, o curso pasado, un membro moi activo da nosa biblioteca. Grazas a ela, puidemos achegar ao noso alumnado moitas voces da literatura galega actual. Ela tiña que presentarnos o seu libro xusto un día antes dos premios, pero unha nube negra impediu a súa presenza. Sabemos que poderemos contar con ela e, entón, tamén nos falará de Begoña Caamaño, quen lle deu voz a Circe e a Penélope, esas mulleres invisibles pero que, sen palabras, o din todo na literatura grega.

"A Begonha Caamaño, a nosa valente", adícalle un poema  en Mapa da estría, "De Circe a Penélope (ou viceversa)". Con permiso de Andrea, citarei dous versos dese poema, que recomendamos como todos os demais que configuran o libro premiado:

                                        como sería que un día, ebrias de saudade,

                                        saísemos destas liñas e bailásemos?

Parabéns, Andrea. Seguro que seguirás recollendo moitos froitos desa paixón túa, que é a poesía.

luns, 11 de maio de 2026

BRAIS DE MOMBOI

Hoxe a Biblioteca encheuse de música en galego. Deixamos os libros por un momento para escoitar a Brais Sánchez, voz, guitarra e letrista de Momboi. A rapazada puido escoitar a Brais cantando en galego e gustoulles, gustoulles moito. Tendo en conta que, polo menos no noso instituto, é moi pouco o alumnado que escoita e coñece cantantes en galego, foi todo un éxito a súa actuación. Seguro que o seguirán a escoitar.
Todos e todas as presentes pasamos un rato moi agradable. Despois da súa actuación, ía dar un obradoiro de voz ao coro, dirixido polo profe de Música Isma.
Grazas Brais e grazas Isma por achegarlles esta música á rapazada.

A RADIO EN GALICIA


 O alumnado de 4º ESO sumouse ao PDI na materia de Lingua e Literatura galega investigando sobre diferentes temas como "Fitos da historia da radio", pero tamén sobre a radio en Galicia. Despois de traballar coa información, tiveron que presentala na clase a través dunha infografía. Algúns dos temas tratados sobre a radio en Galicia foron:

- A primeira emisión radiofónica de Galicia (19 de dedcembro de 1932).

- Unión Radio Galicia no convento de San Domingos de Bonaval (1933).

- O vello dos contos, Xosé Mosquera Pérez, primeira estrela mediática galega.

- As emisións galegas en América: Recordando a Galicia, Sempre en Galicia, A hora de Galicia, La Voz de Galicia ou Galicia emigrante.

- O Galician Programme da BBC a partir de 1947.

- Elektra Sonne: as antenas de Hitler en Lugo.

- Da terra e dos tempos, programa da agrupación cultural O Facho (A Coruña).

- Radio As Mariñas: a primeira emisora municipal en galego (Oleiros, 25 de xullo de 1980).

- As retransmisións do fútbol en galego: primeira retransmisión do celta en 1983.

- O inicio da Radio Galega (24 de febreiro de 1985).

- As radios comunitarias en Galicia: radio Filispim, Radio Piratona, Radio Kalimera, radio Clavi, Radio Roncudo ou Cuac FM.

domingo, 10 de maio de 2026

MÚSICA EN GALEGO

MOCIDADE E VOLUNTARIADO

 No Día da Cruz Vermella compartimos o podcast "Mocidade vermella" realizado por voluntarias do Castro Alobre. Nel entrevistan a Siara, unha traballadora da Cruz Vermella de Pontevedra e animan á mocidade a realizar voluntariado.

MENTIRA



 A reunión desta semana do Club foi para falar de Mentira de Care Santos. Foi todo un éxito, gustou moitísimo😍. Na xuntanza tratáronse distintos temas como as redes sociais, as mentiras das segundas oportunidades e, por suposto, falouse de namorarse.

A próxima e última lectura deste curso será El último trabajo del señor Luna de César Mallorquí, unha historia de misterio que seguro lles vai gustar.

mércores, 6 de maio de 2026

ROTEIRO LITERARIO

O profesorado de Lingua e Literatura castelá levou ao alumnado de 4º ESO a visitar a Pobra do Caramiñal para darlle a coñecer a figura do grande escritor Valle-Inclán. Unha visita do máis intere
sante.

ROTEIRO LITERARIO

 O alumnado de 4º ESO acompañado polo profesorado de Lingua e literatura

galega visitaron a Casa Museo de Manoel Antonio. Ademais, fixeron unha xincana por grupos na que tiveron que amosar os seus coñecementos de cultura, literatura e historia da vial. Para rematar, cantaron a Rianxeira e recitaron poemas.

LENDO NA BIBLIOTECA

 Tamén o alumnado compartiu lecturas na Biblioteca para celebrar o Día do Libro. O alumnado de ESO leu textos dos diferentes xéneros literarios e, de paso, houbo quen aproveitou a ocasión para levar en préstamo algún libro.

día do libro de Biblioteca Castro Alobre

COMPARTINDO LECTURAS

O Equipo de Biblioteca promove no Día do Libro unha xuntanza do profesorado e persoal non docente arredor dos libros. Durante a semana previa a Compartindo lecturas, profesoras e profesores acoden á Biblioteca para buscar ese libro que lle queren "regalar" ao compañeiro ou compañeira que lle tocou en sorte. Acompañamos o reparto dos libros cuns petiscos doces e salgados e, por suposto, promovemos a lectura.


POEMAS PREMIADOS

Parabéns a Aldara, Uxía, Martín, Vega, Fernando e Alejandra polas súas poesías. Agradecemos tamén a participación ao alumnado neste concurso no que puideron amosar o seu talento poético. Foron moitos os poemas e moi bos, pero, finalmente estes seis son os que resultaron gañadores.