venres, 12 de febreiro de 2021

ANTROIDO LITERARIO

Venres de Antroido e de disfraces, ¡con máscara incluida!

E que mellor que disfrazarse de personaxes de libros? 

Divertímonos un pouco e, ao mesmo tempo, falamos de libros na clase de Lingua castelá. Unha proposta á que se sumou inmediatamente o alumnado de 1º ESO B e E. Realmente, é unha marabilla traballar con esta rapazada. A participación está asegurada, ademais da creatividade, a orixinalidade e o bo humor.

Contos clásicos como Brancaneves ou a Cincenta, libros de aventuras como Los Cinco ou Piratas do Caribe, "máxicos" como Harry Potter, para todas as idades como O Principiño, baseados en películas como Star Wars e, como non, mangas.

Esta é a reportaxe fotográfica deste venres de Antroido.





MENORES SOLDADO, VÍTIMAS OU CULPABLES?

O 12 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra o Uso de Menores Soldado, día que debemos recordar porque supón unha violación extrema dos dereitos humanos dos nenos e nenas. É un tema do que pouco se fala e que deberiamos ter presente cada un dos nosos días.

Unha infancia perdida, cruel e unha vida condicionada polos terribles actos que se viron obrigados a cometer. Aínda hai debate sobre como considerar a estes menores,

         vítimas ou culpables? 

Pero, antes de respostar, deberiamos facernos outra pregunta, 

        tiveron elección?

Urxen os programas de reinserción e a implicación seria da comunidade internacional. Mentres, desde o blg da nosa biblioteca, denunciamos esta práctica e facemos o que está na nosa man para sensibilizar ao noso alumnado ante este tema.

xoves, 11 de febreiro de 2021

#NoMoreMatildas

    O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e, por iso, hoxe, queremos dar a coñecer #NoMoreMatildas, unha iniciativa da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas que pretende visibilizar a mulleres científicas que servan de referentes para as nenas e adolescentes. 

    Foi a historiadora científica, Margaret W. Rossiter quen, co nome de efecto Matilda, quixo poñer de relevo o feito de que o traballo das mulleres científicas fose menos valorado que o dos seus compañeiros. Este nome, Matilda, fai referencia a Matilda J. Gage, activista que reivindicou o papel das mulleres na ciencia.

    Parécenos interesante amosar o material que inclúe esta iniciativa na súa web, porque pode ser útil para as nosas clases. Ademais deste vídeo, atoparedes o manifesto, a proposta dun anexo para os libros de texto (descarga gratuita) e contos ilustrados nos que imaxinan como tería sido a vida de científicos como Einstein, Fleming ou Schrodinger de ter nacido mulleres (descarga gratuita).

 Podedes consultar toda a información nesta ligazón https://www.nomorematildas.com/.

domingo, 7 de febreiro de 2021

TOLERANCIA CERO

UNICEF/Holt Fátima (Etiopía). Sometida a MXF cando tiña 1 ano
En palabras do Secretario Xeral da ONU, António Guterres, "A mutilación xenital feminina é unha terrible violación dos dereitos humanos que afecta á saúde e ao benestar de millóns de mulleres e nenas en todo o mundo". Por iso urxe, un ano máis, lembrar, este 6 de febreiro, o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Feminina

Levamos anos, desde a biblioteca, proporcionando información desde este blog que podedes ver na entrada "Tolerancia cero", pero unha vez máis queremos amosar o noso rexeitamento ante esta cruel práctica. É absolutamente necesario dar a coñecer entre o noso alumnado este terrible sufrimento, que padecen moitas nenas e mulleres en distintas partes do mundo, e que se pode ver agravado pola actual pandemia. 


Recomendamos estes vídeos de "Unha parte de min" (https://www.unfpa.org/es/una-parte-de-mi), na que tres mulleres contan a súa historia (+ info https://news.un.org/es/story/2021/02/1487712).

UNFPA. Abuda Dawud (Etiopía) unha das mulleres que relata a súa vivencia.


mércores, 3 de febreiro de 2021

A TRAVÉS DO ESPELLO

    Convocamos un novo concurso e relacionámolo co Día da Muller Traballadora, para visibilizar a mulleres das artes, das ciencias e, tamén, a personaxes femininos de libros, cómics, cine, cadros... 

    Se vos gusta a fotografía e queredes amosarnos a esas mulleres que podedes imitar, participade!

    Haberá 5 premios. Máis info, no vídeo.