xoves, 4 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: LAS REINAS DE ÁFRICA

 A xornalista, Cristina Morató viaxou a África igual que o fixeron as protagonistas do seu libro. 

Aventureiras e valentes, estas once mulleres recorreron o continente africano entre o século XIX e XX. Estes son os seus nomes: Mary Livingstone, Mary Slessor, Lady Juana Smith, Isabel de Urquiola, Alexine Tinne, Florence Baker, Mary Kingsley, Karen Blixen, Beryl Markham, Delia Akeley e Osa Johnson.


mércores, 3 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: ROSA PARKS

A muller que hoxe propoñemos, para quen a descoñeza ou para quen queira achegarse de novo a ela, é Rosa Parks, unha muller negra que amosou a súa valentía e determinación, ao non ceder o seu asento a un home branco, nun autobús. Un xesto que impulsou un aluvión de protestas e manifestacións que acabarían coa segregación racial nos espazos públicos, en EEUU.
Podedes atopar estes dous libros na biblioteca, se queredes coñecer mellor a esta muller. A edición de Vicens Vives, para o alumnado dos cursos inferiores, e a novela gráfica para calquera idade. Unha lectura para recomendar desde distintas materias.



martes, 2 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: MARÍA BARBEITO

María Barbeito (1880-1970) defendeu os dereitos das mulleres e traballou pola súa emancipación social, cultural e profesional. Recoñecida socióloga, pedagoga, escritora e profesora, implantou, por primeira vez, en Galicia o método Montessori.

Podedes afondar na vida desta gran muller no libro de Ana Romero, "María Barbeito, unha vida ao servizo da escola e dos escolares".

luns, 1 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: MARÍA VINYALS

María Vinyals (Soutomaior, 1875), coñecida como a "marquesa vermella", foi unha das primeiras feministas de Pontevedra. Interesouse pola arte, pola literatura, pola política. Ademais, foi nomeada académica da Real Academia Galega (1906). 

Fixo amizade con Emilia Pardo Bazán e María Barbeito.

Se vos interesa coñecer máis a fondo a esta muller, podedes atopar na biblioteca un libro coa súa biografía.



mércores, 24 de febreiro de 2021

FESTEXAMOS O DÍA DE ROSALÍA

Hoxe foi a estrea do vídeo adicado a Rosalía de Castro. O Salón de actos recibiu a parte do alumnado participante, para ver o resultado do seu traballo; por certo, un traballo magnífico.

Recomendamos velo, porque é unha mostra de que é posible traballar en grupo, mantendo as medidas de seguridade e fomentando a inclusión. 

Esperamos que esta actividade nos dea un pouco de pulo para implicar a alumnos e alumnas nas propostas que se poidan facer desde os distintos departamentos.

Grazas ao profesorado de Lingua galega por dar a coñecer os versos de Rosalía dun xeito integrador.