martes, 9 de marzo de 2021

MULLERES NO DEPORTE: KATHERINE SWITZER

O alumnado do IES Castro Alobre correu, esta mañá, pola igualdade. A proposta do departamento de Educación Física, os alumnos e alumnas (e tamén o profesorado) participou nunha carreira simbólica en homenaxe a esta muller pola súa achega á igualdade de xénero no deporte e empoderamento da muller.

Katherine Switzer foi a primeira muller en correr un maratón, de maneira oficial, en Boston, no ano 1967, aínda que estaba prohibido para as mulleres. Utilizou o dorsal 261, o mesmo número co que se correu no instituto.


luns, 8 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: MULLERES OBREIRAS

Matilde, Antonia, Marta, Paca son os nomes de muller que loitan por sobrevivir no Madrid dos anos 30. A maioría acepta a súa situación sen facerse preguntas, pero a protagonista, Matilde, é un espíritu rebelde que quere acadar os dereitos que lle corresponden e emanciparse. Un salón de té distinguido é o marco no que Luisa Carnés nos achega o mundo obreiro feminino e as súas miserias. 

O libro, Tea Rooms: mujeres obreras. Altamente recomendable.

Día Internacional da Muller Traballadora

PARABÉNS, SIRA

Hoxe, recibimos unha grata noticia. Sira Vidal, profesora de Lingua galega hai uns anos no noso centro, foi a gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, convocado polo Concello de Bueu. O seu relato "O espertar do teu nome" aborda a emigración  vivida polas mulleres en Galicia.

Este premio, recibido pola nosa compañeira, lévanos a lembrar, tamén, o seu magnífico labor á fronte do Club de lectura A curuxaina. Lecturas diversas, xuntanzas con escritores e escritoras, roteiros literarios foron algunhas das súas incansables propostas, para reunir ao alumnado nun faladoiro de libros e, tamén, ao profesorado arredor dunha boa mesa ou dun café. Momentos agradables de lembranzas lectoras.

Parabéns, Sira, e quen sabe se algún día estaremos a comentar a túa obra?

venres, 5 de marzo de 2021

MULLERES DE LIBRO: GABRIELA

Gabriela é a protagonista do libro de Josefina Aldecoa que queremos propor, Historia de una maestra, unha homenaxe a súa nai e aos maestros e maestras da República que chegaban a pobos lonxanos, nos que a lectura e a escritura non formaban parte das prioridades para as crianzas.

No prólogo do libro escribe a autora: " La historia es ficticia, pero todo lo que ocurre en ella es real, es un testimonio histórico que sirve, además, para conocer las durísimas condiciones de trabajo de los profesores rurales y el papel tan importante que desempeñaron haciendo gala de una constante vocación".

LECTURA E REIVINDICACIÓN

Unha nova xuntanza de O niño da curuxa para repartir as novas lecturas: Vampira de biblioteca de Ledicia Costas e 22 segundos de Eva Mejuto. Despois O Club sumouse a un acto reivindicativo promovido polo grupo de diversidades afectivo-sexuais a favor das mulleres trans baixo o lema, As "mulleres trans" non son "mulleres trans", son mulleres. Unha boa maneira de empatizar coa temáyica dunha das lecturas propostas.

En quince días, haberá unha sorpresa.