xoves, 4 de novembro de 2021

DEFENSORAS DE DEREITOS

A biblioteca volve á súa actividade e hoxe acolleu un obradoiro impartido por Sofía, membro de Agareso e colaboradora coa Coordinadora Galega de ONG. Compartiu co alumnado de 3º ESO D unha lectura, Miriam de Suazo y la digna rabia, e convidou á reflexionar sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres (ou diferentes colectivos) que sofren discriminación, cuestións actuais e moi interesantes. Tamén puxo o obxectivo sobre un país, Honduras, do que, coma moitos, non se fala a cotío e, cando se fai, é para destacar aspectos negativos. Como explicou a rapazada, asocian Honduras a "asasinatos, pobreza, machismo, violacións, corrupción". 

Comentouse o impacto das catástrofes naturais en países menos desenvolvidos, nos que é máis complicada a reconstrución das perdas e as axudas pola pobreza e falta de recursos. Defendeu, Sofía, a utilización de termos como Norte global e Sur global en lugar de países do primeiro ou terceiro mundo, máis utilizados polo alumnado.

Reflexionaron, a continuación, sobre os sentimentos que se podían experimentar polas "desaparicións" de persoas en Honduras e en outros países que sofriron ditaduras, e falouse das migracións e de como se tratan nos medios de comunicación con esas "oleadas masivas" que chegan a España e, como comentou Sofía, deshumanizan estas situacións.

Outras cuestións que se trataron a medida que iamos avanzando na lectura do libro foron as poboacións indíxenas, as diferentes discriminacións ou o significado do termo sororidade.

O alumnado, timidamente, foi reflexionando sobre os puntos que Sofía lle ía salientando e, aínda que non se atreveron a un grande debate, foron aportando algunha opinión.

As conclusións ás que chegaron ao final do obradoiro foron que se debía tratar a todas as persoas por igual; que, se a xente se une, pódese chegar máis lonxe; que hai que loitar polos soños e que Honduras é un país que atravesa unha mala situación.

Por último, pensan que o obradoiro serve para concianciar ao alumnado sobre temas importantes na nosa vida.

Grazas, Sofía, por achegarlle a Miriam de Suazo a través da lectura e por facerlles chegar un pouquiño máis alá. Seguro que nas súas cabezas levaron ideas para reflexionar.

luns, 1 de novembro de 2021

CREANDO PORTADAS DE LIBRO

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, nada mellor que convidar ao alumnado de 1º ESO a unha sesión de formación. Tras darlle a coñecer os recursos que podían pedir en préstamo, as normas de funcionamento e as actividades que realizamos, os alumnos e alumnas tiveron que deseñar a portada dun libro e poñerlle título. Descubrimos grandes talentos!

luns, 25 de outubro de 2021

LER, APRENDER, DESCUBRIR

O lema escollido este ano para conmemorar o Día das Bibliotecas pretende incidir no carácter multidisciplinar das bibliotecas como espazos non só de lectura, senón tamén como lugares nos que iniciar e consolidar a aprendizaxe. Con todos estes coñecimentos adquiridos poderemos emprender unha viaxe que nos levará a descubrir novas ideas e nos efará medrar como persoas.

domingo, 17 de outubro de 2021

MEDRANDO COS LIBROS

O 18 de outubro conmemórase o Día das Escritoras e, de novo, a biblioteca súmase á iniciativa da Biblioteca Nacional. Este ano a comisaria Marifé Santiago Bolaños elixiu como tema para a escolla de textos "Leer las edades de la vida", uns textos  cos que foron e van medrando todas aquelas persoas que os leron e os seguen a ler.
Recomendamos a súa lectura na Hora de Ler e en calquera hora da xornada de mañá. Tamén, o Departamento de Lingua galega fixo unha selección de textos de escritoras galegas e de lingua portuguesa e, por suposto, recomendamos a súa lectura. Mañá é un día adicado ás escritoras.
Podedes ler os textos clicando aquí.

Día das Escritoras. medrando cos libros de Biblioteca Castro Alobre

venres, 15 de outubro de 2021

O CLUB DE LECTURA COMEZA A VIAXE

Hoxe o alumnado "curuxaino" reuniuse para recoller os libros que o acompañarán na primeira viaxe lectora. Que pasará na Coruña? E en Yorkshire? Esperamos impacientes a que nos conten as súas aventuras. Se queredes ver as fotos clicade aquí.