A
través da magnífica interpretación de Eddie Redmayne e Alicia Vikander, La
chica danesa (título
en español da orixinal The Danish Girl) introduce
ao espectador na temática da transexualidade e da súa aceptación durante o
primeiro terzo do século XX.
O enfoque permite sentir a angustia da xove transexual por non ser quen de
reprimir o que sente e o que a identifica, pero tamén reflicte con elegancia e
sutileza os sentimentos que experimenta a súa parella, mesturando frustración,
lástima, aceptación, protección e tenrura.
A historia está baseada en feitos reais, en concreto, na biografía de Lili
Elbe, a primeira transexual sometida a unha cirurxía de cambio de sexo, con
todos os riscos que conlevaba na época. A súa vida recóllese nunha transgresora
novela de 1933, Man into Woman, publicada
por un amigo da propia Lili, e baseada nos diarios desta. Este argumento foi o
xérmolo dunha novela do ano 2000, co nome da adaptación cinematográfica que nos
ocupa e sobre a que se apoiou o director Tom Hooper.
Se á profundidade do tema lle engadimos a actuación dos protagonistas, a
coidada escenografía, a envolvente música e a tenrura coa que o director nos
amosa o mundo interior desta parella, o resultado é unha conmovedora e moi
recomendable película que, ademáis, invita á reflexión e á conciencia social.
Mariola Rodríguez González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario