mércores, 17 de febreiro de 2016

BURBULLA CULTURAL: O MALABARISTA ANXO DOCAMPO

Tras unha pequena paréntese, retomamos a Burbulla Cultural da man dun alumno de 1º ESO E, Anxo Docampo, que nos fará pasar un momento agradable cos seus malabares.

O luns 22 de febreiro, ás 11,00 h. na Biblioteca.
ESPERÁMOSVOS!






xoves, 11 de febreiro de 2016

BIBLIOLIMPIADAS: SOPA DE LETRAS

Comezamos a carreira coa proba nº 1, unha "Sopa de letras olímpica". O último día de entrega é o xoves 18 de febreiro. As puntuacións dos participantes publicaranse o luns 22 no taboleiro situado na meta (enfronte á Biblioteca).

Situádevos na liña de saída e participade.

luns, 8 de febreiro de 2016

AS BIBLIOLIMPIADAS

Presentamos o concurso BIBLIOLIMPIADAS. Na pista de atletismo, que empeza no vestíbulo do edificio da ESO, dará comezo esta competición olímpica á que todos e todas estades invitados a participar. Todos os venres anunciaremos as probas nesta pista, mentres os participantes van avanzando cara a meta.
Aquí vos deixamos as bases e, para calquera dúbida, acudide á Biblioteca, lugar de recollida e entrega de cada unha das probas.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

xoves, 21 de xaneiro de 2016

SENSIBILIZACIÓN SOCIAL NA CARREIRA DOS "OSCAR": LA CHICA DANESA


A través da magnífica interpretación de Eddie Redmayne e Alicia Vikander, La chica danesa (título en español da orixinal The Danish Girl) introduce ao espectador na temática da transexualidade e da súa aceptación durante o primeiro terzo do século XX.


O enfoque permite sentir a angustia da xove transexual por non ser quen de reprimir o que sente e o que a identifica, pero tamén reflicte con elegancia e sutileza os sentimentos que experimenta a súa parella, mesturando frustración, lástima, aceptación, protección e tenrura.

A historia está baseada en feitos reais, en concreto, na biografía de Lili Elbe, a primeira transexual sometida a unha cirurxía de cambio de sexo, con todos os riscos que conlevaba na época. A súa vida recóllese nunha transgresora novela de 1933, Man into Woman, publicada por un amigo da propia Lili, e baseada nos diarios desta. Este argumento foi o xérmolo dunha novela do ano 2000, co nome da adaptación cinematográfica que nos ocupa e sobre a que se apoiou o director Tom Hooper.

Se á profundidade do tema lle engadimos a actuación dos protagonistas, a coidada escenografía, a envolvente música e a tenrura coa que o director nos amosa o mundo interior desta parella, o resultado é unha conmovedora e moi recomendable película que, ademáis, invita á reflexión e á conciencia social.

Mariola Rodríguez González.