martes, 12 de abril de 2016

ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA CON ANDREA MACEIRAS

O venres 8 reuníuse o Club de lectura, coordinado polas profesoras Carme Moure e Sira Vidal, para compartir o xantar e unha tertulia literaria. O libro elixido foi Europa Express de Andrea Maceiras. O grupiño de alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO puido, despois, ter un encontro coa autora que, segundo comentan, foi moi enriquecedor.
Agradecemos a estas profesoras o tempo adicado a esta actividade en prol da lectura.

xoves, 7 de abril de 2016

BURBULLA CULTURAL: "A COLINA SILENCIOSA"

Presentación e lectura colectiva do relato de terror "A colina silenciosa" escrito conxuntamente por Fátima Burés, Mario Lorenzo, Javier Louzao e María Sabugueiro de 4ºESO-A seguindo a técnica do cadáver exquisito.


luns, 4 de abril de 2016

AS BIBLIOLIMPIADAS: ANTÓN PAZ

Hoxe, o alumnado de 1º de bacharelato tivo un encontro con Antón Paz, promovido polo Equipo de Dinamización da Biblioteca. Este regatista vilagarcián conta no seu haber con importantes títulos como dous Campionatos do Mundo e unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Beijing (2008).

Antón Paz contounos o desenvolvemento da regata na que conseguiu o ouro olímpico, acompañando a súa explicación cun vídeo da mesma. Falounos da súa faceta como deportista e, tamén, nos achegou ao mundo da vela, constatando os sacrificios que se han de facer na competición de alto nivel.

Da súa intervención destacariamos dous consellos moi útiles para a nosa mocidade: a importancia do traballo colaborativo para obter bos resultados e a necesidade da implicación persoal en calquera proxecto que se queira realizar.

O encontro con Antón Paz, interesante e ameno, culminou cun detalle que agradecemos e que entusiasmou ao alumnado asistente: todos e todas puideron ter nas súas mans as medallas conseguidas por este gran deportista, incluida a olímpica.

Grazas, Antón, pola túa xenerosidade.

mércores, 30 de marzo de 2016

A BURBULLA CULTURAL: SONIA PLAZA

Unha voz preciosa, potente a de Sonia Plaza. O alumnado asistente animou e aplaudiu a esta xoven promesa da canción. Parabéns, Sonia, e grazas por compartir con todos e todas nós eses momentos máxicos.