luns, 4 de abril de 2016

AS BIBLIOLIMPIADAS: ANTÓN PAZ

Hoxe, o alumnado de 1º de bacharelato tivo un encontro con Antón Paz, promovido polo Equipo de Dinamización da Biblioteca. Este regatista vilagarcián conta no seu haber con importantes títulos como dous Campionatos do Mundo e unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Beijing (2008).

Antón Paz contounos o desenvolvemento da regata na que conseguiu o ouro olímpico, acompañando a súa explicación cun vídeo da mesma. Falounos da súa faceta como deportista e, tamén, nos achegou ao mundo da vela, constatando os sacrificios que se han de facer na competición de alto nivel.

Da súa intervención destacariamos dous consellos moi útiles para a nosa mocidade: a importancia do traballo colaborativo para obter bos resultados e a necesidade da implicación persoal en calquera proxecto que se queira realizar.

O encontro con Antón Paz, interesante e ameno, culminou cun detalle que agradecemos e que entusiasmou ao alumnado asistente: todos e todas puideron ter nas súas mans as medallas conseguidas por este gran deportista, incluida a olímpica.

Grazas, Antón, pola túa xenerosidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario