luns, 11 de novembro de 2019

A CURUXA SABIA

A sección máis "xoven" do Club de lectura A Curuxaina é A curuxa sabia, formada por profesorado do centro e, tamén, por compañeiras e compañeiro (así, en singular) que xa non forman parte do Claustro, pero que lles apetece compartir momentos lectores con nós.

Temos novas incorporacións: Raquel, Leo, Rocío, Marián, Teresa, Elisabet; e segue Esther como coordinadora, que se encarga de poñernos as pilas.



O xoves pasado tivemos a primeira xuntanza na que comentamos o último libro lido, Las mujeres que compran flores, e eliximos a nova lectura, Lectura fácil de Cristina Morales, Premio Nacional de Narrativa 2019. Neste libro, en palabras da autora "Mi intención era poner al lector en la diana... El libro va a atacar al lector. Y muy probablemente el lector se sienta, cosa rara en la literatura, más del lado del antihéroe que de las heroínas" (Infolibre, 17/01/2019). Esas heroínas, cunha discapacidade intelectual, teñen nome de muller, Nati, Patri, Marga e Àngels, e comparten un piso tutelado. Un libro que seguro nos dará moito que falar.




AS VIAXES DE GULLIVER

Novo curso e nova lectura para o Club de Lectura Inclusiva O Laberinto. O libro escollido para iniciar a nosa viaxe a través dese laberinto tan particular é As viaxes de Gulliver.  

Despois de presentarnos, xa que hai novos e novas lectoras, Sandra iniciounos na vida de Jonatham Swift e, deseguido, entramos nese laberinto que iremos percorrendo, pouco a pouco, para coñecer novos lugares e, tamén, diferentes maneiras de ver a vida.

A primeira parada foi Liliput. Introducimos o capítulo, comentámolo e seguiremos a lectura ata a próxima reunión, o 28 de novembro. Como tarefa teremos que ilustrar o lido cun debuxo ou un collage. Seguro que sairán verdadeiras obras de arte. Poderemos facer un libro de viaxes do noso club? Xa vos iremos dicindo.

Por último, agradecer ao Colexio de Educación Especial, ao Centro con Eles, ao alumnado de 3º PMAR e, por suposto, a Sandra, a súa implicación nesta marabillosa proposta.






EXPOSICIÓN VIAXEIRA

As fotos  de Antonio Pampliega que formaron parte da campaña solidaria O seu futuro depende de nós, desenvolvida dentro do proxecto Rescatando culturas, viaxaron ao IES de Vilalonga para, no Día das Bibliotecas, lembrarse de todas aquelas persoas que son unhas auténticas supervivintes.

Esperamos que o profesorado e alumnado de Vilalonga valore e disfrute esta exposición como o fixemos nós no seu día. 

Queremos agradecer á biblioteca do centro o seu interese por este traballo e a difusión do mesmo.
        



xoves, 31 de outubro de 2019

LECTURAS DE TERROR

Adicamos o Día dos Mortos a un libro, A pantasma da Ópera de Gaston Leroux, porque...




E este é o noso boletín, ilustrado cos debuxos do alumnado de Volume de 1º de bacharelato que serviron para ambientar a nosa biblioteca. Tamén poderedes ver as fotos da pantasma que pasou estas noites na entrada do instituto.
Que teñades Terroríficas Lecturas!!!

venres, 25 de outubro de 2019

FORMACIÓN DE USUARIOS E USUARIAS

Esta semana o alumnado de 1º ESO pasou pola biblioteca, para explicarlle polo miúdo o seu funcionamento. A actividade final consistiu na busca de libros, tendo en conta a signatura, e na localización dunha foto de persoas con capacidades diversas, que tiveron que colocar no símbolo do proxecto documental integrado deste ano "Todos e todas +".